Monday 06 de May de 2024

A Xunta continúa a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas das 4 provincias galegas


― Desde este luns continuarase coas tarefas xa iniciadas nas pasadas semanas na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada

― Proseguirán os traballos na estrada LU-162, no Valadouro e Foz; OU-121, no Barco de Valdeorras; ou na OU-320, en Sandiás e en Allariz

― A Xunta, desde o ano 2018, investiu 8,3M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, a través da encomenda á empresa pública Seaga

A Xunta continúa a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das catro provincias galegas.

Desde este luns continuarase coas tarefas xa iniciadas nas pasadas semanas na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada.

Ademais, proseguirán os traballos na estrada LU-162, nos municipios lucenses do Valadouro e Foz.

A próxima semana seguirán tamén as tarefas de roza e limpeza en execución nas marxes da OU-121 no Barco de Valdeorras. Tamén seguirán estas limpezas nas estradas OU-115 en Verín e na OU-320 en Sandiás e en Allariz.
Prevención e seguridade
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.
Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.